Saturday 27 de April de 2024

Presentada no Concello a IV Bandeira de Traiñeiras ´Cidade de Narón´, evento deportivo enmarcado na Liga Galega de Traiñeiras


A alcaldesa, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, José Oreona Bra, o presidente do Club de Remo Narón, Nacho Cabana Leiras, e o remeiro do club, Marcos Senra Cendán, presentaron esta mañá no Concello a IV Bandeira de Traiñeiras `Cidade de Narón´.

Na cita deportiva competirán 12 equipos de traiñeiras da Liga A: o equipo da traiñeira do Club de Remo de Narón, como anfitrións, e as de Bueu, Tirán, Mera, Chapela, Rianxo, Cesantes, Mugardos, Puebla, Samertolameu, Mecos e Cabo da Cruz.  A regata está prevista que dé comezo ás 18.00 horas do día 13 de agosto na enseada da Gándara e ten unha especial relevancia pola calidade de todos os equipos participantes que rivalizan deportivamente na consecución dos primeiros postos no pódium e polo grande interese que suscita a participación do equipo do Club de Remo naronés na Liga Galega de Traiñeiras e que amosan unha grande ilusión por un proxecto deportivo que estiman xa consolidado a longo prazo.

Os representantes do Club de Remo Narón agradeceron o compromiso do Concello  e o apoio recibido para poder organizar esta regata, imprescindible para participar na Liga Galega, posibilitando a realización desta actividade deportiva na que están a traballar con esforzo e moita ilusión.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, expresou a satisfacción do Concello pola implicación de todo o equipo, deportistas, técnicos e directiva do Club de Remo Narón promovendo o deporte e hábitos saudables entre a cidadanía, con especial atención á mocidade e por levar o nome do Concello de Narón nesta andadura deportiva e animou á cidadanía de Narón e comarca a presenciar este evento deportivo que de seguro brindará grandes momentos.